Xoguetes para un tempo prohibido (fragmento) -en gallego-Carlos Casares
Xoguetes para un tempo prohibido (fragmento) -en gallego-

"No medio da pista non quedaban xa máis que dúas parellas que aproveitaban a música cansa da peza final. Pouco a pouco o cheiro quente dos corpos deixaba paso ó ambientador con recendo a rosas, que ía baixando dende o corredor do piso alto, mentres nas escaleiras de saída un camareiro convencía con dificultade a dous borrachos que xa se cambiaran a chaqueta do smoking e os zapatos, e queríanse cambiar aínda os pantalóns tamén. Entón un deles berrou me cago en el as de oros y en los huevos del rey de Portugal, e foi Ricardo Romero a dicirlle que por favor, que aínda quedaban señoras na sala. Mara ría hip hip hip e logo, botando o corpo para atrás, xirou o taburete de repente e pediu outro gintonic, por favor. Pero o barman xa saltara a axudar ó compañeiro que acaba de recibir un puñetazo na boca e comprobaba asustado que dos labios lle saía unha fontiña de sangue. Do fondo da pista empezaron a pedir: que lo remate, que lo remate. E mentres Ricardo facía xestos de calma, señores, compórtense como caballeros, sen que ninguén lle prestase atención, dende a porta dos servicios chegou unha voz ronca que se infiltrou por entre os ruídos das sillas, por debaixo dos berros, sobre o derradeiro compás da música, para quedar soíña un instante colgada no aire: caballero ti e a burra que te pariu. Foise cara a el e chimpouno contra a parede. Despois deulle co xeonllo dereito no ventre e ía baterlle na cabeza cando se meteron dous músicos polo medio e arrastrárono pola forza ó centro da pista. O outro saíu dobrado, farfullando algo entre os dentes, e subiu as escaleiras de saída baixo un coro de berros, asubíos e aplausos. Mara dixo up, Ricardo, up up up, e foise correndo a abrazalo. Alguén pediu música, e unha señora ascendeu descalza e tambaleante os tres escalóns do baldaquino que ocupaba a orquesta, colleu o micrófono e púxose a cantar Strangers in the night. E antes de que rematase, xa Mara empezou pasimisí, pasimisá por la puerta de Alcalá, e púxose todo o mundo a saltar, a bailar, a berrar... Logo veu a conga de Jalisco, a raspa, outra vez o pasimisí, o pasodobre España cañí, a ovejita lucera e polo río abaixo vai unha troita de pe. "


El Poder de la Palabra
epdlp.com