Círculo: da materia dos soños (fragmento) - en gallego-Suso de Toro

Círculo: da materia dos soños (fragmento) - en gallego-

"Deus non só morrera senón que xa apodrecera había tempo o corpo solemne daquel xigante e o fedor da descomposición xa se fora esvaecendo no aire ata ser esquecido.
Todo era esquecemento e a xente fervía en ruído, unha febre imparábel de actividade, viaxes, comunicacions, a xente tan apretada uns contra os outros que era xa imposíbel ver cousa. O ruído foise retroalimentando e aumentou e aumentou ata que xa tampouco se oía cousa.
E cando xa ninguén vía e xa ninguén oía empezou a erguerse un murmurio que viña de abaixo, sentiuse primeiro polos pés, e a xente foi ficando calada, atenta, e o murmurio era tan forte que todo ficou en silencio para oír aquel mar de dentro que todo o abranguía. E aquel son medrou e medrou e dentro del fóronse distinguindo logo músicas que se oían arriba e era que o mundo falaba. E a xente tivo medo de tocarse, de tocar pedra ou cousa ningunha porque todo estaba vivo e todo era salvaxe e todo era certo e estaba no seu centro naquel mundo terríbel e inocente no que nada estaba mal. "



El Poder de la Palabra
epdlp.com