A filosofía i o home (fragmento) –en gallego-Ramón Piñeiro

A filosofía i o home (fragmento) –en gallego-

"Xa temos visto que entre o Ser i o home non hai máis relación direita que o propio ser do home. Polo mesmo, para nos achegáremos ó coñecemento do Ser teremos que ir, non a través do ser da realidade, senón a través do noso propio ser. En lugar de torcéremos pola vía cosmolóxica, teremos que seguir direitos pola vía antropolóxica. O verdadeiro punto de partida da Metafísica está na Antropoloxía e non na Cosmoloxía. Para acadáremos o coñecemento do Ser temos que coñecer primeiro o noso ser.
Tamén vimos, por outra banda, que o ser do home non se reduce ó pensamento racional, pois nise caso a Antropoloxía quedaríase en puro análise e ordeación das categorías do pensamento. Pola contra, o home, na plenitude do seu ser, é moito máis que pensamento racional. De ahí que, o trasladáremos o centro de gravedade da esculca filosófica ó horizonte antropolóxico, fágase necesario tomar o ser do home en toda a súa plenitude, en toda a súa rica, escura e sutil complexidade.
Centrando a Filosofía no eido antropolóxico e tomando o ser do home en toda a súa ricaz plenitude, teremos conducido a esculca filosófica a súa base natural. A razón é clara: si a Filosofía como pregunta nace da auto-interrogación do ser do home ó se senetir distinto do ser da realidade, a Filosofía como resposta debe dirixir as súas esculcas ó propio ser do home. "



El Poder de la Palabra
epdlp.com