Cabalo de ouros (fragmento) -en gallego-Víctor Fernández Freixanes

Cabalo de ouros (fragmento) -en gallego-

"El era así. As mozas da Bela Romana devecían polo Lobeiras, ao que na intimidade trataban de poeta, non sen certo rexoubeo, e a quen encargaban cartas, billetes e algunas outras licencias que o antigo seminarista, cando podía, cobraba en especie. A Portuguesa sobre todo, moza de altísimo tronío, disque tiña debilidade polo licenciado, debilidade que alternaba cun tal chamado Lamparillas, sarxento da benemérita, e mais coas obrigas do oficio; pero debilidade ao cabo, que o poeta mesmo celebrou nunha ocasión en afervoados e públicos hemistiquios. Ben se entenden os ciumes do Mediano e outros seareiros do local: tan pouca cosa o de letras e tanta devoción por parte delas, as raparigas. Foi moi sonado o suceso dunha noite, no cabaré, cando alguén deitou na mesa unha morea de cartos para cerrar o establecemento e unha das pupilas dixo que non, secundada por outras dúas, ocupada o mozo que tiña facendo o servizo en Albacete. O cliente, un xateiro brután da parte de Montes, metido nos negocios do mineral, coma case todos, púxose bravo, apelando aos dereitos que o diñeiro lle daba, e as mozas revolvéronselle, non sen certo aquel de dona Hermitas, a xenerala, que no fondo seica tampouco gustaba do tratante. A pupila afogaba nun mar de bágoas, por causa dos amores contrariados, e o seu único consolo era o Loberias, as palabras do Licenciado, quen, instalado na cámara e rodeado de material feminino, redactaba carta de amor inzada de reproches, razón de obriga, súplicas e quebrantos. Dende o salón subía a música das comparsas, as voces dos seareiros, mesturadas con bafaradas de licor café as protestas cada vez máis alteradas do tratante, aguilloado pola quentura da augardente e o desprezo que disque lle daban na casa, poñéndoo de menos, a el e mais aos seus amigos, á par dun chicherico facedor de versos, que malamente tiña onde lamberse. "


El Poder de la Palabra
epdlp.com