E o mundo será mellor (fragmento) –en gallego- "E nesa vocación continúo, pese a tanto. Saiban vostedes que non resulta fácil escribir no meu país. Saiban que ser escritor e escribir en galego é unha aventura que case sempre remata en naufraxio. Saiban que Galicia está plena de homes e mulleres entusiastas, creadoras e creadores de altísima calidade e escaso recoñecemento. Para elas e para eles pido, á amada Portugal, que lles abra portas e fronteiras coa seguridade de que a súa calidade está moi por riba da estima que se lles ten. Estima que nesta hora, e xa por último, quero trasladar aos editores do meu país, esa estraña fauna de resistentes. Porque ser editor en Galicia é algo máis que un oficio ou unha ocupación. Os editores galegos pelexan día a día contra a adversidade, constantes, entregados, e non se resignan a ver derruída a patria da palabra. Por eles levanto hoxe a miña voz e por eles reclamo unha maior atención dos gobernos e gobernantes ao mundo do libro e ás súas marxes. O patrimonio do meu país é a cultura, esa é a súa gran industria e o seu maior capital. E ese capital, perdoen a insistencia, non recibe a atención que merece. E nada máis, miñas donas e meus señores. Gracias por escoitarme e gracias por confiar no futuro, esa pomba que está a bicar os nosos ollos. O futuro que nos xunta en torno á palabra e ao mundo que concita, o mundo dos que residimos na estirpe da arte e da liberdade, o mundo da literatura. Ese mundo que será mellor se nós, e só nós, en verdade queremos que así sexa. " epdlp.com |